O Consumo Responsable é o que se pregunta polas condicións sociais e ecolóxicas nas que ten sido elaborado un produto ou producido un servizo. E unha vez valoradas escóllense as opcións máis xustas, solidarias e/ou ecolóxicas e consúmese de acordo con eses valores e non só en función do beneficio persoal.
A situación mundial xerada polo capitalismo salvaxe comandado polos grandes poderes económicos, as transnacionais, as entidades financeiras, as institucións de Bretton Woods: Banco Mundial (BM), Fondo Monetario Internacional (FMI) y el GATT (tratado de libre comercio reconvertido en la actual Organización Mundial del Comercio -OMC-), e as actuacións derivadas do seu poder, como a liberalización dos mercados, a explotación das materias primas e da man de obra barata dos países máis pobres, a débeda externa, etc., resulta cada vez máis agresiva para unha gran maioría da poboación mundial así como para o medio ambiente.
Nestas circunstancias a opción dun consumo responsable e crítico por parte dos cidadáns e cidadás, faise necesario como un xeito de resposta reivindicativa cara a un cambio de sistema, de relacións económicas e de respecto polas persoas e o planeta. Trátase, por tanto, da non-colaboración cun sistema económico que xera inxustiza e destrúe o medio ambiente.
Pero isto non ten que levar aparellado necesariamente unha diminución na nosa calidade de vida. Actualmente o noso consumo está máis dirixido pola publicidade e os intereses das grandes empresas que polas nosas necesidades reais e o noso benestar.
Trátase de cambiar os nosos hábitos de consumismo, optando por un modelo de benestar e felicidade non baseado na posesión de bens materiais e por un cambio na nosa escala de valores e nas nosas prioridades. Isto permitiríanos, por exemplo, dedicar unha maior parte do noso presuposto a comer de xeito máis san, disfrutar do noso ocio dun xeito máis construtivo, reducir o noso tempo de traballo, investir en solidariedade, etc.