Baixo o lema de que outra economía é posible, sae á rúa facela real, A Cova da Terra coordina unha feira na que haberá uns 40 postos de venda de produtos do Comercio Xusto, produtos locais, artesanía e degustación, asociacións, mercado de troco, banco de tempo... Ademais da feira do día 11, están previstas outras dúas actividades nesa semana:
- Martes día 7 ás 20.00 no local da Cova da Terra proxectarase o documental: "A agricultura ecolóxica en Cuba"aproveitando para presentar o azucre orgánico cubano que hai á venda na tenda da entidade dende hai unha semana e polo que apostamos como xeito de comercio xusto cun pobo sometido polo bloqueo. As persoas asistentes estarán convidadas a un café a endulzar con este novo produto xusto.
- Xoves día 9 ás 19.30 no local da Cova, presentación do proxecto: O rural cubano e o galego. Como facermos un rural xusto e ecolóxico. Yasmín Martínez Delgado é a responsable económica da cooperativa de azucre orgánico UBPC Ricardo González del Baliño (Villa Clara, Cuba) dende o ano 2003. Unha experiencia de supervivencia e éxito contada por unha das súas protagonistas.
Este mesmo día, antes da intervención de Yasmín, presentaremos o proxecto que A Cova da Terra puxo en marcha en setembro de 2012 da man de outras tres ONG’s compañeiras: Panxea, Sodepaz e Taller de Solidariedade: “De aquí, xusto e ecolóxico. O rural como motor de cambio”: A través do que queremos achegar a idea de que no rural hai oportunidades de emprendemento baseándonos na sustentabilidade ambiental, económica e social.